A decisión que pode cambiar a historia de Los Satélites tomarase esta noite en 'A Orquestra Perfecta' - CSAG
A decisión que pode cambiar a historia de Los Satélites tomarase esta noite en 'A Orquestra Perfecta'
Os integrantes desta mítica formación terán que expoñerse como nunca, interpretar temas inesperados e convencer un xurado que determinará os dous artistas que pasarán á gran final do programa

Santiago, 29.08.2026.- Los Satélites levan case nove décadas escribindo a historia da verbena galega. Pero esta noite enfróntanse a unha decisión que pode abrir un novo capítulo na súa lenda: que dous dos seus artistas merecen formar parte da gran final de ‘A Orquestra Perfecta’?
Fundada en 1938, a formación chega á TVG para defender todo aquilo que a converteu nunha das orquestras máis importantes de Galicia: músicos extraordinarios, unha sección de ventos inconfundible, grandes cantantes e unha maneira de entender a festa que forma parte da memoria de varias xeracións. Porén, esta noite a historia non será suficiente. Os seus artistas terán que expoñerse como nunca, interpretar temas inesperados e convencer un xurado disposto a poñelos contra as cordas.
‘A Orquestra Perfecta’ (21:55 h) continúa así coa construción dunha auténtica superorquestra formada por algunhas das figuras máis destacadas da verbena galega. Cada formación presenta os seus grandes talentos, pero só dous representantes de cada programa conseguen obter o pase á final. A gran pregunta parece case unha provocación: é posible facer unha orquestra aínda máis perfecta que Los Satélites?
Un dos momentos que marcarán a noite estará protagonizado por María José Pereira, considerada por moitos unha das mellores intérpretes de copla da verbena galega. A cantante falará da decisión que lle cambiou a vida: marchar de Venezuela e deixar alí a súa filla cando apenas tiña sete meses. Unha separación que marcou a súa historia persoal e unha carreira construída con distancia, sacrificio e unha enorme capacidade para seguir adiante. Esta noite, a súa filla estará ao seu lado nun escenario en que María José defenderá que unha orquestra perfecta necesita unha copla capaz de poñer os pelos de punta.
Noly, unha das figuras máis queridas e recoñecibles de Los Satélites, tamén sorprenderá o público mostrando unha faceta moi afastada da imaxe coa que leva anos triunfando nas verbenas. Detrás do cantante capaz de conectar con toda unha praza hai un home fondamente familiar. Ademais, Noly aproveitará a noite para rebelarse contra as etiquetas. Coñecido especialmente polos pasodobres e polo repertorio máis tradicional, intentará demostrar que é un verdadeiro todoterreo cunha elección inesperada: ‘Necesito respirar’, de Medina Azahara. Un cambio de rexistro co que pode deixar o xurado -e tamén o público- sen palabras.
Despois das actuacións, os candidatos deberán someterse ao veredicto do xurado. Só os elixidos entrarán na ‘Sala de Contratación’ e, de todos eles, unicamente dous conseguirán representar a Los Satélites na gran final. Alí xa agardan Oliver e Alba Navarro, da París de Noia; Santi Pulido e Néstor Peña, de Origen; Marta Fernández, de Trébol; Vanessa Fernández, de Gran Parada; Christian Mene e Danni Lamas, de Finisterre Project; e Raúl Campo e Katty Méndez, da Marbella.