div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

A CSAG destina 339.000 euros a novos contidos dixitais de ficción, entretemento, divulgación e infantil para as plataformas AGalega.gal e Xabarín.gal

Xabarín.gal incorporará as series ‘Elowa, un camiño para sentir’, creada por e para persoas autistas, e ‘Nutritives’, ademais do contacontos ‘Son soniños’ e a segunda temporada da serie ‘Picariños’

A Corporación segue a apoiar aos profesionais galegos dos sector e á difusión de proxectos audiovisuais a través das súas canles dixitais

csag.gal 04/12/2025 12:15

Santiago, 04.12.2025.-  A Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG) producirá 12 novos proxectos ao abeiro da convocatoria de contidos dixitais en galego, recentemente resolta pola Comisión Directiva de Avaliación de Proxectos. Catro destes proxectos destinaranse á plataforma infantil e xuvenil Xabarín.gal, e oito incorporaranse a AGalega.gal. Cun investimento total de 339.000 euros, a CSAG impulsa novas propostas de índole divulgativa, infantil, de entretemento e de ficción, concibidas especificamente para a contorna dixital.

Na categoría de ‘Entretemento’, e cun orzamento máximo de ata 26.000 € por proxecto, foron elixidos tres proxectos: ‘Amor con interese’ de Cristela Torres Nine, un dating show que xoga cos límites entre realidade e intelixencia artificial e explora, con humor, as relacións no mundo dixital; a segunda temporada de ‘O mellor tractor do mundo’ de A revolta producións, concurso no que tractoristas galegos compiten en probas de habilidade e destreza e no que o público decide quen avanza a través das votacións ata chegar á gran final; e ‘Se non o vexo, non o creo’ de Jaime Pardo Valdés, unha serie de microespazos sobre historias tan insólitas que parecen inventadas. Cun ton humorístico e retranqueiro, o presentador percorre lugares e protagonistas para comprobar se cada caso “se sostén”. 

Na categoría de ‘Divulgación’ e tamén cun orzamento máximo de ata 26.000 € por proxecto, foron elixidos tres proxectos: ‘Club de Lectura’ de Chiripa Producións, un espazo de fomento da lectura dirixido á mocidade arredor dun club de lectura singular no que se analizan os libros obrigatorios do instituto cun enfoque fresco, contextualizado e conducido por unha comunicadora nova con gran conexión co público adolescente; ‘Camiño ao podio’ de Miramemira,S.L., serie documental que une deporte de alta competición e adolescencia. A través dos seus cinco episodios o programa segue as historias de 10 mozos e mozas do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) que perseguen o soño de converterse en atletas profesionais; e finalmente, a segunda temporada de ‘Sexo con senso’, de Xosé Antón Moure Ferreiro, un formato sobre educación afectivo-sexual, abordado con rigor e proximidade, no que se tratan temas clave para a saúde emocional, igualdade, afectos e relacións nun contexto onde estas cuestións comezan a recibir a atención que merecen.

No eido da ‘Ficción’, e neste caso cun orzamento máximo de ata 35.000 € por proxecto, resolveuse a selección de tres contidos: ‘Morgana en Esmelle’ de Aqueladas S. Coop. Galega, unha adaptación da obra homónima de Begoña Caamaño; ‘Hai que ir morrendo’ de Aqueladas S. Coop. Galega, unha ficción cómica na que escritoras e escritores galegos aparecen asasinados en circunstancias vinculadas ás súas novelas negras; e ‘Picariños’ de Coven Films, a segunda temporada desta serie de ficción protagonizada por un grupo de rapaces que descobre un mapa misterioso durante un campamento de verán. 

Catro novos contidos para Xabarín.gal

‘Picariños’ sumarase a outros tres proxectos destinados á plataforma Xabarín.gal, que foron seleccionados na categoría ‘Infantil’, cun orzamento máximo de ata 26.000 € cada un. Son ‘Elowa, un camiño para sentir’ de Aqueladas S. Coop. Galega, unha serie de animación creada por e para persoas autistas, pensada para axudar á identificación e comprensión das emocións a través dunha historia fantástica e respectuosa coa diversidade; ‘Nutritives’ de Henfunk Studio S.L, tamén serie de animación na que alimentos, órganos e partes do corpo teñen vida propia e resolven misterios relacionados coa saúde, a nutrición e o corpo humano cun enfoque educativo e divertido. Por último, chegará a Xabarín.gal ‘Son soniños’ de H501- Laura Pazienza Signo, un contacontos para escoitar e imaxinar pero cunha base visual sólida, a medio camiño entre a animación convencional e o conto infantil na que a Curuxa Maruxa se converte na gardiá das historias que soñan os nenos e nenas.

Os proxectos seleccionados produciranse no primeiro semestre de 2026 e posteriormente serán estreados nas plataformas dixitais Xabarín.gal e AGalega.gal

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade