div-crtvg-top1

Publicidade

Navigation Menu

Logo de CRTVG

Camiño de navegación

A CRTVG obtén 14 candidaturas aos Premios Celtic Media Festival 2024

A película ‘O Corno’ foi nomeada en dúas categorías e a Radio Galega está entre as seleccionadas como mellor estación de radio do ano

Competirán polos galardóns a serie ‘Operación Marea Negra’, o filme de animación ‘O soño da sultá’, os documentais ‘María Casares, a muller que viviu mil vidas’ e ‘Galegos D’Ouro’ e o concurso escolar ‘Pim Pam experimenta’

Tamén foron elixidos os programas ‘Galicia Bonita’, ‘Unha historia de crimes’, ‘Comisión de Festas’, ‘O mellor tractor do mundo’, ‘Coa luz do corazón’ e ‘Ondas Novas’

As producións premiadas coñeceranse na gala que terá lugar en Cardiff (Gales) a comezos do mes de xuño

crtvg.gal 07/03/2024 18:30

Santiago, 07.03.2024.-    A CRTVG conseguiu 14 candidaturas aos Premios Celtic Media Festival, que se entregarán o vindeiro mes de xuño en Cardiff, a capital de Gales, no transcurso da 45ª edición deste prestixioso certame. 12 producións co selo da canle pública (a película ‘O Corno’ é candidata en dúas categorías) e a Radio Galega, nomeada a ‘Estación de radio do ano’, competirán polos galardóns con propostas de canles como a BBC británica en Escocia, Gales e Irlanda do Norte, as irlandesas RTE e TG4 e France 3 Bretagne.

Na categoría de animación foi nomeada ‘O soño da sultá’, unha fábula dirixida por Isabel Herguera e producida por Abano Producións, que está inspirada nun conto feminista indio, escrito en 1905 por Rokeya Hossain. Esta coprodución internacional, con factura galega, foi primeiro filme animado europeo en competir na sección oficial de San Sebastián e acumula galardóns a nivel nacional e internacional, incluíndo o premio á mellor longametraxe de animación que acaba de conseguir no Festival de Bruxelas.

No apartado de ‘factual entertainment’ (entretemento baseado en feitos reais) competirán dúas producións da TVG: ‘Galicia Bonita’ e ‘Unha historia de crimes’. En emisión desde o ano 2019, ‘Galicia Bonita’ é un reality producido por Lúa Ideas en que unha arquitecta especializada na recuperación de contornas rurais percorre Galicia cun reto enorme: reformar en cinco días unha casa que represente un bo exemplo do feísmo que, por desgraza, segue sendo habitual na paisaxe galega. Pola súa parte, ‘Unha historia de crimes’, de Ficción Producciones, analiza, coa axuda de expertos, os delitos con maior impacto na opinión pública galega a través de testemuñas familiares, documentación gráfica, atestados policiais e mesmo gravacións dos xuízos.

Ao premio a mellor serie dramática optará ‘Operación Marea Negra’, realizada tamén por Ficción Producciones. A Televisión de Galicia emitiu en 2023 a segunda temporada deste thriller inspirado polo suceso dun narcosubmarino que chegou hai uns anos ás costas galegas.

Outra das producións candidatas, neste caso na categoría de artes, será ‘María Casares, a muller que viviu mil vidas’, un documental sobre a actriz galega universal producido por Agallas Films e dirixido por Xavier Villaverde. A peza, que a G2 emitiu esta mesma semana, dentro da programación especial arredor do 8M, achégase á vida dunha unha muller extraordinaria que se acabou convertendo en Francia nunha das actrices máis aclamadas do cine e do teatro.

A película ‘O Corno’, dirixida por Jaione Camborda e gañadora da Cuncha de Ouro no último Festival de San Sebastián, foi nomeada en dúas categorías: mellor película dramática e ‘spirit of the festival’, que recoñece as producións que mellor simbolizan o espirito do certame. Este drama rural, ambientado na Galicia dos anos 70, está protagonizado por Janet Novás e narra a historia dunha mariscadora e tamén parteira que, tras un terrible suceso, se ve obrigada a fuxir a través dunha ruta de contrabandistas.

Na categoría de mellor documental competirá ‘Galegos D’Ouro’, realizado por Farol de Ideas e dirixido por Arminda Sousa, que se centra no gran número de traballadores galegos que contribuíron a construír a paisaxe do viño das ribeiras do Douro desde o século XVIII, incluíndo a construción dos socalcos, das adegas, das prantacións e das vendimas, ata facer del o escenario que hoxe é Patrimonio Mundial da Humanidade.  

Completan o extenso abano de candidaturas da CRTVG os programas ‘Comisión de Festas’, que dá a coñecer o inxente traballo de organización das festas galegas, seleccionado na categoría de ‘factual series’; ‘O mellor tractor do mundo’, emitido o ano pasado nas redes sociais dos medios públicos cun formato de concurso, nomeado no apartado ‘short form’ (formato curto); ‘Pim Pam experimenta’, un concurso escolar de ciencia, con preguntas, experimentos e retos, que opta a ser galardoado como mellor programa infantil; ‘Coa luz do corazón’, en que os espectadores coñecen a realidade das persoas cegas, nomeado no apartado de documental de deportes, e ‘Ondas Novas’, que analiza como se pode innovar na creación musical, tanto na composición como na interpretación, e que é candidato a mellor espazo de música.

Ademais destas producións da Televisión de Galicia, a Radio Galega será unha das emisoras que compita polo premio a mellor estación de radio do ano.

O Celtic Media Festival, que promove a cultura e linguas dos países celtas nos ámbitos do cinema, a televisión, a radio e os novos medios de comunicación, ten lugar desde hai 45 anos de forma rotatoria entre Irlanda, Escocia, Gales, Illa de Man, Cornualles e a Bretaña francesa. Trátase dunha cita obrigada para poñer en valor os produtos audiovisuais galegos na contorna internacional e nel a Corporación establece sinerxías con televisións internacionais europeas, que posibilitan, entre outras cousas, acordos de cesión de contidos e proxectos comúns.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
NOTICIAS CORPORATIVAS

div-crtvg-top2

Publicidade