A aventura de 'Domar o vento' continúa esta semana polos cantís do Vicedo, O Barqueiro, Espasante e Couzadoiro - CSAG
A aventura de 'Domar o vento' continúa esta semana polos cantís do Vicedo, O Barqueiro, Espasante e Couzadoiro
No camiño, o xinete Adrián Martíns coñecerá diferentes historias, integrarase na vida local dos lugares polos que pase e participará nunha foliada

Santiago, 4.8.2026.- No programa desta semana de ‘Domar o vento’ (22:00 h), o xinete Adrián Martíns inicia unha nova etapa da súa viaxe no Vicedo, onde deixará atrás Lugo, despois de percorrer a praia de Area Longa e de descubrir unha cova natural, e entrará na provincia da Coruña.
Continuará ata O Barqueiro, onde se achegará á vida da vila e descubrirá a súa xente. Alí coñecerá a Ricardo, un veciño que traballou en distintos lugares do mundo como mineiro e mariñeiro e que non dubidará en compartir con el a súa historia, marcada polo esforzo e a superación persoal.
A viaxe seguirá pola zona de Loiba, entre algunhas das paisaxes máis espectaculares da costa, percorrendo zonas de cantís e natureza salvaxe. O protagonista de ‘Domar o vento’ achegarase a Espasante para coñecer as súas tradicións, entre elas a do Porco Antón, un dos seus sinais de identidade máis coñecidos e queridos. Da man de Fredi, descubrirá a historia que o rodea. Será convidado por el a participar nunha foliada, compartindo música, ambiente e convivencia coa xente do lugar, nun peche perfecto para esta etapa do camiño.
Ao día seguinte, Adrián continuará a súa ruta ata chegar a Couzadoiro, onde entrará nun espazo de retiro e conversa cun terapeuta sobre a conexión coa natureza e o equilibrio persoal. Máis adiante coñecerá a Chema, agricultor e meteorólogo que combina o traballo na terra coa observación do tempo a través dun aparello construído por el mesmo. Durante o encontro, explicaralle o seu xeito de entender a natureza e o clima mentres Adrián colabora nas tarefas da finca. Ao caer o día, continuará avanzando entre cantís ata atopar acollida nunha granxa.