div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

'Taxi Driver', estrea da semana en AGalega.gal, xunto con novos programas da TVG como 'Land Rober + Show' e 'Pulso activo'

A plataforma da CSAG ofrece tamén novos capítulos de ‘Terra de cómics’, ‘Bótalle azucre’ e tres longametraxes que combinan acción, emoción e grandes historias

csag.gal 11/11/2025 13:34

Santiago, 11.11.2025.-    Esta semana chega a AGalega.gal cargada de novidades. A plataforma da CSAG continúa sumando contidos para todos os públicos e gustos, e durante estes días serán protagonistas os novos programas da grella da TVG, que estarán dispoñibles despois da súa emisión televisiva, para que o público poida gozar deles cando e onde queira. 

Entre eles están o ‘Land Rober + Show’, cuxo equipo iniciou unha nova etapa diaria, de luns a xoves, como grande aposta da canle pública polo humor e o espectáculo, e para ‘Pulso activo’, espazo que inculcará hábitos de vida saudables. 

‘Land Rober + Show’ mantén o espírito do clásico show de Roberto Vilar, agora cun novo formato diario, que aposta pola frescura, a improvisación e a complicidade co público. O espectáculo televisivo por excelencia da TVG reforza así a súa conexión coa audiencia, co humor e a espontaneidade que o converteu nun fenómeno da televisión galega.

Pola súa parte, ‘Pulso activo’ é un espazo diario de 20 minutos en que a TVG se converte na adestradora persoal da audiencia. Concibido como unha clase de fitness inclusiva, adaptada e segura, está dirixida por Eddy Insua, que guía catro participantes con necesidades e condicións de saúde diferentes. Esta nova  proposta busca fomentar hábitos de vida saudables, mellorar a mobilidade e combater o sedentarismo, transmitindo a idea de que o exercicio é posible para todas as persoas, independentemente da idade ou condición física. 

Xunto a estas novidades, AGalega.gal incorporará tamén durante esta semana ‘A miña gran cidade. Corazón galego’, en que se volven encontrar Bertín Osborne e Eva Iglesias, e as primeiras entregas de ‘A Choupana’, nova serie que supón unha evolución do universo de ‘Era Visto!’, e ‘O mellor de cada casa’.

‘Taxi Driver’: estrea, en exclusiva, en AGalega.gal 

A plataforma AGalega.gal reforza, ademais, a súa oferta exclusiva coa chegada de títulos que combinan acción e entretemento, entre eles a serie coreana ‘Taxi Driver’, senllos capítulos de ‘Terra de cómics’ e ‘Bótalle azucre’, e tres novas longametraxes.

Os afeccionados á banda deseñada poderán ver desde o luns un novo capítulo de ‘Terra de cómics’, protagonizado polo artista Andrés Magán, que abre as portas do seu estudo en Vigo para amosar o seu proceso creativo analóxico, marcado pola experimentación e o uso dos rotuladores.

O mércores 12 chega, en exclusiva e en versión orixinal subtitulada en galego, a aclamada serie coreana ‘Taxi Driver’. A vida de Kim Do-Gi dá un xiro tráxico tras o asasinato da súa nai, e agora traballa para Taxis Arco da Vella, unha misteriosa empresa que ofrece un servizo moi especial: a ‘chamada da vinganza’. ‘Taxi Driver’ é un relato de acción e suspense sobre a xustiza alternativa e a loita persoal contra a impunidade. Quedarán dispoñibles todos os episodios da serie.

Ademais, o público poderá gozar, desde o xoves 13, da película ‘A maxia do chocolate’ (dispoñible durante 30 días), unha historia baseada en feitos reais que combina emoción e esperanza. Ese mesmo día tamén se estreará un novo capítulo de ‘Bótalle azucre’, o divertido programa presentado por Anita Mateu, que continúa co seu reto de acadar un título oficial de galego.

O venres 14 será a quenda da película ‘Novembro’, un intenso thriller baseado nos atentados de París de 2015, e o sábado 15, ‘A cea perfecta’, unha historia sobre a paixón pola cociña e a redención persoal. Ambas as dúas estarán dispoñibles durante 30 días.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade