div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

'Os crononautas' viaxan á Idade de Ferro para descubrir a vida nos castros galegos

Trisha e David percorren Santa Trega, Baroña, Elviña e Viladonga para coñecer como vivían os habitantes dos primeiros grandes poboados da nosa historia

csag.gal 17/09/2026 00:01

Santiago, 17.9.2026.-    Televisión de Galicia emite este xoves a segunda entrega de ‘Os crononautas’ (22:50 h), o espazo presentado por Trisha Fernández e David Vilares, que nesta ocasión viaxa á Galicia castrexa para descubrir como vivían os pobos da Idade de Ferro antes da chegada de Roma. O programa mergúllase na organización, na cultura e no modo de vida dos habitantes dos castros, os primeiros grandes poboados da historia de Galicia.

A aventura comeza no Castro de Santa Trega, na Guarda, onde chegaron a vivir arredor de 5.000 persoas na súa época de maior esplendor. O percorrido continúa por outros enclaves emblemáticos da cultura castrexa, como Baroña, no Porto do Son; Elviña, na Coruña, e Viladonga, en Castro de Rei. A través destes asentamentos, os espectadores descubrirán como algúns controlaban importantes rutas comerciais, outros vixiaban a costa e outros dominaban o interior do territorio.

Ao longo da viaxe, Trisha e David coñecerán as crenzas, os costumes e a forma de vida das comunidades castrexas, así como a pegada que deixaron na identidade galega e que aínda hoxe permanece viva. Para achegar luz sobre este período histórico, o programa contará coa participación de especialistas como Jaime Oiza, director do Museo Arqueolóxico da Coruña; o divulgador cultural Suso Martínez; o debuxante Pepe Carreiro; o formador Fidel Martín, e o divulgador científico e xeólogo David Ballesteros, entre outros.

‘Os crononautas’ propón un percorrido por diferentes momentos da historia de Galicia a través de recreacións, visitas ao patrimonio e entrevistas con expertos. Grazas ao apoio da intelixencia artificial como ferramenta visual, cada episodio reconstrúe de forma inmersiva escenarios e acontecementos do pasado, permitindo que os presentadores se integren neles de maneira natural.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade