'O día da romaría' navega polas grandes celebracións na honra á virxe do Carme - CSAG
'O día da romaría' navega polas grandes celebracións na honra á virxe do Carme
O espazo vivirá este xoves unha das citas máis emblemáticas do noso verán, xunto aos mariñeiros e aos romeiros que manteñen viva a súa devoción relixiosa

Santiago, 16.7.2026.- Televisión de Galicia achega este xoves no ‘prime time’ unha nova entrega de ‘O día da romaría’ (22:20 h), que nesta ocasión pon rumbo a algunhas das vilas mariñeiras do país para mergullarse de cheo nunha das celebracións máis emblemáticas do verán: a Virxe do Carme, gran símbolo de protección para a xente do mar.
En Camariñas, o programa acompañará os veciños nunha das xornadas máis importantes do ano. Coñecerá de primeira man a devoción pola súa patroa, participando na misa e na procesión marítima típica da xornada, así como tamén presenciará a tradicional Danza de Arcos, un dos emblemas máis representativos da vila.
A viaxe continuará en Foz, onde a devoción á Virxe tamén se expresa a través da arte efémera das tradicionais alfombras florais, elaboradas con moito agarimo polos veciños para recibir a súa procesión. O programa acompañará a ofrenda mariñeira, asistirá á misa solemne e vivirá un dos momentos máis emotivos da celebración coa interpretación da ‘Salve mariñeira’, himno para todos os homes e mulleres do mar.
Outra das paradas será Aguiño, onde o programa presenciará un dos instantes máis esperados da romaría: o embarque da Virxe para saír de volta ao mar entre embarcacións engalanadas, sirenas e mostras de devoción. Unha estampa que dará paso á festa popular, ao xantar compartido e ao ambiente de convivencia que reúne familias e amigos arredor desta celebración.
‘O día da romaría’ deterase tamén na memoria da festa coa sección ‘Cápsula do tempo’, un espazo que rescata antigas fotografías e as recrea coa axuda da IA. A través das lembranzas dos veciños, os espectadores descubrirán como cambiou a celebración co paso dos anos, nun percorrido pola historia dunha festa que segue unindo xeracións arredor da devoción e do mar.
Nesta entrega coñeceranse, amais, os preparativos nos días previos á romaría noutras localidades mariñeiras, como Cangas, Moaña, Marín ou O Grove. E na parte máis festiva gozarase coas orquestras Capitol e Marbella, que actuarán no Grove, e coa tradicional Feira do Viño que se organiza en Marín.