'O amor está en Galicia' fai parada en Arzúa con dúas novas entregas en que haberá ilusión e tamén 'polémica' - CSAG
'O amor está en Galicia' fai parada en Arzúa con dúas novas entregas en que haberá ilusión e tamén 'polémica'
Dobre parada este mércores na vila, en que as citas a cegas se mesturarán coa música, o Camiño, o queixo e a memoria da artista Ana Kiro

Santiago, 10.6.2026.- Paco Lodeiro e Laura Boado dirixen esta noite a súa cupifurgo cara a Arzúa, desde onde achegarán unha nova dobre entrega de ‘O amor está en Galicia’ (23:15 h). A proposta deste mércores comeza con Paula Villapol, de 26 anos, traballadora dunha multinacional de Santiago, que coñecerá a Koke Álvarez, de 26 anos, influencer de Oleiros. Ela chega á cita asegurando que “o mercado está moi mal”, despois de catro anos solteira, e buscando alguén con personalidade, carácter e ideas claras. El leva solteiro toda a vida, traballa en facturación e loxística, fai boxeo, ximnasio, reguetón e busca unha moza con aspiracións, botada para diante e con sentido do humor. O encontro terá lugar xunto á homenaxe a Ana Kiro, nunha cita en que haberá intensidade, animais, romanticismo e algunha que outra posible 'red flag'.
A segunda cita dese programa xuntará a Zion Zoko, de 21 anos, estudante de artes escénicas de Vigo, con Adrián Dávila, de 25 anos, hostaleiro da Coruña e Ribeira. Zion acode tras acabar unha relación e cun punto punki, disposto a volver abrirse ao amor. Adrián, pola súa banda, recoñece que non ten filtro, fala de responsabilidade afectiva e ten claro que non quere que ninguén lle corte as ás. Entre raves, animais, relacións abertas e o medo ao control, a cita porá sobre a mesa ata onde pode chegar unha conexión cando dous solteiros teñen claro que queren vivir o amor á súa maneira.
Na seguinte entrega, Arzúa será tamén o escenario da historia de Serxio Rey, de 31 anos, pintor de obra de Vila de Cruces, e Ainara Díaz, de 25 anos, consultora de recursos humanos de Santiago e Castropol. Serxio regresa ao programa convertido xa nun pequeno fenómeno viral, disposto a demostrar que desta vez chega máis descansado e preparado para atopar unha muller faladora, legal e madura. Ainara, asturiana afincada en Santiago, defínese como alegre, cariñosa e con moita intelixencia emocional, aínda que recoñece que tamén pode ser caprichosa e ansiosa. A praza Galicia será o punto de partida dun encontro en que a fama, o carácter e as ganas de empezar de novo terán moito peso.
O segundo encontro desa entrega reunirá dous vellos coñecidos do programa: Josi Lage, de 50 anos, actriz do Carballiño, e Simone Panza, de 40 anos, comercial de acuicultura en Santiago de Compostela. Ela volve a pola súa propia secuela do amor, máis esixente ca nunca, buscando un home elegante, carismático e culto, e confiando en notar axiña se hai boa enerxía. El, italiano, pai entregado e 'chill guy' total, tamén regresa ao programa disposto a vivir unha nova oportunidade, lonxe das persoas materialistas e cunha forma de vida marcada pola meditación e a calma. A igrexa de Santiago de Arzúa será o escenario dunha cita con sabor internacional, moita personalidade e a gran pregunta de se Simone poderá ser, desta vez, l’amore della sua vita.
