'Expediente Oculto' analiza o crime de Yulissa e pon o foco nos perigos dos retos virais - CSAG
'Expediente Oculto' analiza o crime de Yulissa e pon o foco nos perigos dos retos virais
O espazo mergúllase tamén na lenda da mártir de Augas Santas, enclave termal ourensán que recibe ao ano milleiros de peregrinos

Santiago, 2.3.2026.- ‘Expediente Oculto’ (22:40 h) analiza este luns o crime de Yulissa. O cadáver dunha muller sen identificar aparece en 2015 nunha vide da Pobra do Caramiñal. Unha investigación policial, en tempo récord, destapa un cruel asasinato motivado por unha débeda mínima. O corpo de Yulissa Altagracia foi torturado cun desaparafusador antes de que os seus asasinos lle deran unha coitelada fatal.
A viaxe de ‘Expediente Oculto’ deste luns continúa en Santa Mariña de Augas Santas, na localidade ourensá de Allariz, un enclave termal marcado pola lenda dunha mártir que mantén vivo o misterio. Segundo conta a lenda, unha moza cristiá do século II foi perseguida polo pretor romano Olibrio. Tras sobrevivir a brutais torturas e ao lume, é decapitada e a súa cabeza rebota tres veces, facendo brotar tres mananciais milagreiros que dan nome ao lugar. Este emprazamento recibe cada ano ata 20.000 visitantes
No apartado sobre temas de actualidade, porase o foco nos retos virais e nos seus perigos. E para afondar nestes tres eixes, a presentadora Patricia Abet contará coa colaboración de Berta Rodríguez, Jorge Melchor, Begoña Rodríguez, Carlos Tresandí, Juan Pablo Sangiao, e José Antonio V. Taín.
