'Desafíos criminais' revive o crime perverso de Monfero: asasina a súa amiga para roubarlle o bebé - CRTVG
'Desafíos criminais' revive o crime perverso de Monfero: asasina a súa amiga para roubarlle o bebé
Isabel Marcos, de 24 anos, ten un desexo irrefreable de ter un fillo. Implica á súa familia e, tras matar brutalmente á moza que acababa de ser nai, agocha o seu corpo

Santiago, 15.06.2025.- O caso que recolle este domingo ‘Desafíos criminais’ (23:10 h), entrega que leva por título ‘Semente de rencor’, ten lugar na localidade de Monfero en 2002, cando Isabel Marcos idea un plan macabro: simula estar embarazada, asasina brutalmente á súa amiga, agocha o seu corpo e róuballe o seu bebé acabado de nacer. Vanessa Lorente levaba máis de dous días sen dar sinais de vida e tres amigas empapelan Monfero para pedir axuda cidadá, sen éxito.
A asasina, de 24 anos, tiña un desexo irrefreable de ter un fillo e anuncia aos catro ventos un embarazo falso. Consegue implicar á súa parella e aos seus pais. Cava unha fosa coa axuda da súa nai debaixo do tendal da roupa da súa casa de Monfero, lugar no que tiñan pensado enterrar os restos de Vanessa Lorente, de 22 anos, a verdadeira nai do fillo que ela dicía que ía ter. Aínda que a primeira liña de investigación se centra no pai do bebé, sobre o que había varias denuncias de maltrato, tras máis de 72 horas de interrogatorio, Isabel Marcos desvélalle á garda civil onde está o corpo da súa amiga.
‘Desafíos criminais’ é un docushow procedemental de carácter policial da TVG, que descobre as claves que permitiron resolver os casos máis relevantes da historia recente de Galicia baixo a investigación da Garda Civil.