'Bágoas na chuvia', a memoria emocional do cine, estrea este xoves en AGalegaAudio.gal - CSAG
'Bágoas na chuvia', a memoria emocional do cine, estrea este xoves en AGalegaAudio.gal
Este novo podcast propón unha viaxe musical polas bandas sonoras que marcaron a nosa vida

Santiago, 5.2.2026.- AGalegaAudio.gal estrea o mes de febreiro cun novo podcast: ‘Bágoas na chuvia’, un espazo sonoro dedicado ás bandas sonoras do cine que deixaron pegada na nosa memoria emocional. Un podcast de Isidro Cea para escoitar, lembrar… e sentir o cine a través da súa música.
Inspirado na célebre reflexión de Roy Batty en ‘Blade Runner’, ‘Bágoas na chuvia’ propón escoitar a música como quen recupera lembranzas que falan do tempo, da beleza efémera e das historias ben contadas. Cada melodía é unha emoción; cada partitura, un recordo que se resiste a desaparecer.
Cunha publicación quincenal, cada xoves Isidro Cea levará a audiencia por unha viaxe sonora a través do cine, explorando estilos, xéneros e épocas en que a música foi clave para construír emoción, identidade e imaxinario colectivo.
James Horner e as súas bandas sonoras, protagonistas este xoves
O episodio deste xoves está dedicado a un dos compositores máis recoñecibles e emocionais da historia do cine, James Horner. A través das súas bandas sonoras, o programa percorre melodías cheas de épica, tenrura e aventura, debuxando o retrato dun autor cun estilo inconfundible que marcou xeracións enteiras. Os autores do cine contemporáneo, o cine de ciencia ficción e o de fantasía completan esa viaxe.
‘Bágoas na chuvia’ é toda unha experiencia sensorial, íntima e evocadora, que convida a deter o tempo e deixar que a música leve os oíntes de volta a momentos inesquecibles da gran pantalla. Cada melodía convértese nunha emoción. Cada partitura, nun recordo que se resiste a desaparecer porque antes de que todo se perda… como bágoas na chuvia, queda a música.
AGalegaAudio.gal, a plataforma de referencia en galego
AGalegaAudio.gal é a plataforma de referencia da radio en galego en que se atopa toda a programación da Radio Galega, así como un amplo abano de podcasts, videopodcasts e contidos nativos exclusivos de humor, cine, historia, ficción, cultura, deporte, música, etc. A plataforma é gratuíta e está a disposición da audiencia desde calquera parte do planeta. Pódese descargar desde Google Play, Apple Store, Chromecast e nas principais televisións intelixentes (dispoñible para descargar en versión iOS e Android).