Publicador de contidos

Publicador de contidos

Deteñen seis persoas nun operativo antidroga en Carballo e na Laracha

Deteñen seis persoas nun operativo antidroga en Carballo e na Laracha

No dispositivo participaron máis de medio cento de efectivos da Garda Civil

G24.gal 06/05/2025 16:59 Última actualización 07/05/2025 14:31

A localidade coruñesa de Carballo, xunto coa Laracha, foi o epicentro na mañá deste martes dun operativo antidroga cunha ampla despregadura de axentes da Garda Civil, con cinco rexistros e seis detidos.

O gran dispositivo, con máis de 70 axentes de distintas unidades da Garda Civil da Coruña, Ourense, Pontevedra e do posto de Carballo, partiu pouco despois das nove da mañá deste martes das inmediacións do polígono industrial de Bértoa cara a distintas zonas de Carballo e da Laracha para realizar rexistros en casas, pisos e mesmo nunha nave.

Un dos máis importantes desenvolveuse no lugar do Sisto, na parroquia carballesa de Sísamo. Alí, os axentes, tras rebentar a porta dunha vivenda unifamiliar, realizaron unha inspección que se prolongou durante máis de catro horas e levaron detido un matrimonio vencellado ao clan dos Otero.

Amais deles dous, os axentes prenderon outros catro homes que gardan vínculos familiares e afectivos co grupo asentado no Sisto.

Segundo fontes próximas ao caso, non se agardan máis detencións. Engaden que os seis detidos, investigados por un delito de tráfico de drogas, presumiblemente, pasarán este xoves a disposición xudicial. Ata entón non se dará por pechada a operación, que se saldou amais co comiso de substancias estupefacientes, cartos en efectivo e un vehículo de alta gama.

O Xulgado de Instrución número 1 de Carballo decretou o segredo de sumario.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade