Alalá
Xistra de Coruxo
Visitamos a República Independente de Xistralia. Non fai falla que busquen no mapa porque é un país imaxinario, pero a súa base está no barrio de Coruxo, en Vigo. De aquí son, residen ou se achegaron, os membros de “Xistra de Coruxo” que pouco despois de formar o grupo, argallaron unha asociación: a de “Gaiteiros de Xistra”. Tanto deu de si este traballo que están de aniversario e xa van alá vinte anos.
Nestas dúas décadas pasaron moitos “xistraleiros” pero todos invadidos por unha filosofía en común, a súa forma de tocar é galego-minhota. Isto quere decir que recuperan a cultura de cando Galicia e Portugal eran algo máis que irmáns, “eramos unha única cultura”.
A maioría dos seus compoñentes non se dedican profesionalmente á música e ademais de tocar por amor á arte, a asociación folclórica “Gaiteiros da Xistra” ten outros proxectos vencellados á música como son os concertos didácticos para nenos, publicacións sobre cuartetos tradicionais, proxectos musicais galego-minhotos e moitas cousas máis que lles imos contar.
O seu proxecto é amplísimo: imparten clases de ensino musical popular galego en distintas asociacións do sur da provincia de Pontevedra. As súas viaxes por Europa (Bretaña, Chequia, Croacia) son frecuentes e participaron na gravación dun CD sobre música mariñeira. A Suecia alemá é a súa segunda casa, acoden case anualmente para participar no meirande encontro sobre as gaitas europeas. Alí participaron na gravación de ata catro traballos discográficos.
Pouco máis se pode pedir pero os de Xistra sempre teñen a capacidade de sorprender.