Alalá
Os protagonistas do programa Alalá son persoas, grupos ou asociacións que se dedican á música tradicional ou folk galegas. Alalá mestura interpretacións musicais con fragmentos documentais sobre a vida cotiá dos protagonistas, o seu xeito de pensar, sentir e percibir a música tradicional e o mundo.
A música tradicional galega naceu nun contexto rural. A aldea foi a gran transmisora da cultura e do saber musical galego. En Alalá non son os gaiteiros ou as pandereteiras quen se traslada ao estudio de gravación senón que é a cámara a que vai á aldea, para retratar coa maior fidelidade e profundidade ese contexto onde se produce ou producía a música tradicional.
A presenza da cámara na aldea procura non ser intimidatoria senón amiga e confidente, retratando o mundo rural galego e en moitos casos o mundo das persoas maiores, non só con respecto senón cun profundo agarimo. Considerando os maiores mestres dunha forma de vida que pouco a pouco vai esmorecendo polo abandono da aldea, polo avellentamento da poboación, a globalización e as novas formas de vida da sociedade galega.
A necesidade da participación colectiva en tarefas agrícolas obrigaba na aldea galega á unión entre os veciños, a dificultade nas comunicacións e a falta de medios de diversión, supoñían a necesidade de divertirse co que había. Nese contexto é onde se desenvolve a música tradicional, nas tarefas agrícolas e artesás (labradas, colleitas, muiñadas ou fiadas) ou en reunións de veciños para pasalo ben (seráns, foliadas, polavilas). A música tradicional galega, chea de alegría, de forza, de ironía, de vida non se pode comprender por completo fóra deste contexto.
Quizais esteamos ante a última xeración que viviu a transmisión directa e no seu contexto da música tradicional. De aí a importancia cultural de Alalá e dos folcloristas e musicólogos que se dedican á preservación do noso patrimonio. Alalá conta con algúns dos máis recoñecidos e brillantes investigadores da música galega tradicional como asesores musicais. Eles foron tamén protagonistas de varios capítulos de Alalá e a eles debe o programa o seu rigor científico.
Cando nos anos trinta e corenta do século XX comeza a profunda transformación que sufrirá a sociedade galega, a música tradicional, eclipsada polas orquestras, e outras formas musicais foráneas, vai esmorecendo pouco a pouco. Nalgúns lugares foi antes, noutros será despois, por iso hai zonas en Galicia onde actualmente se conservan testemuñas directas e pezas musicais ou bailes que veñen directamente da tradición oral, dos antecesores, e outras zonas onde non queda apenas nada.
Será a partir dos anos 70-80 cando moitos mozos e mozas valoricen o legado esmorecente de seus avós e, pouco a pouco, vaise recollendo, catalogando, estudando o vasto legado e comeza a pasarse a partitura, a adaptarse ao contexto urbano, ás novas formas de vida e de ocio, a mesturarse con outras músicas e tendencias como é o caso do folk. Alalá amosa tamén como e por que vías (tradicional, familiar ou aprendizaxe) xorden agrupacións nacidas en circunstancias ben diferentes. Séguese o proceso de recollida de pezas desde as súas fontes -testemuños directos de xente maior- ata a súa asimilación e reinterpretación por unha agrupación de xente nova dunha cidade. Outro dos temas que trata Alalá é a música tradicional na emigración. Alalá viaxou a Cuba, Arxentina, Uruguai e Brasil, amosando que os emigrantes non só levaron para o exterior as súas lembranzas e a súa lingua senón tamén a súa música. En diferentes capítulos amosouse como na Galicia exterior se segue interpretando e bailando a música galega e como o son da gaita ou dos cantos, fóra de Galicia, ten un poder de evocación e unha forza tremendos. Emigrantes e descendentes de emigrantes conservaron e transmitiron a música galega, actualmente existen no exterior excelentes intérpretes e pódense recoller pezas que aquí se perderon, porque na mente do emigrante a Galicia que abandonaba na súa infancia ou mocidade quedaba conxelada no tempo, e con esa lembranza as cántigas que o acompañaban na súa infancia cantadas pola nai ou os toques de gaita dalgún destacado gaiteiro da comarca.