CRTVG

Buscar

Alalá

Xarín

05/12/2006 22:05 h

Achegámonos ata o sur da provincia de Lugo para coñecer a Xarín, os gaiteiros do Incio, un dos grupos históricos da música tradicional galega.

Cosme é mestre de primaria, Suso dá clases de música, Neme rexenta unha ferretería, Totono traballa nun banco, Luís é enxeñeiro e Iria, a máis nova, toca na rúa. Eles son os compoñentes actuais deste grupo que se creou en 1985, que é para moitos a mais fiel reencarnación dos gaiteiros de outrora, aqueles que tocaban para o baile e a festa.

Ademais da simpatía e imaxinación dos seus compoñentes, este programa ten outro atractivo: a posibilidade de gozar da incrible natureza do Incio. A diversión, o baile, as alboradas e as romarías están presentes en todo o repertorio de Xarín. Abranguen sobre todo temas tradicionais da zona que eles adornan con toda a forza das lendas do Courel. Ademais, Xarín engrandece o seu son con arreglos complexos que o fan único, divertido, doce e solemne a un tempo. Gaitas, bombo e tamboril acompáñanse do acordeón, a flauta traveseira e o violín para facer festa como só eles saben.

Xarín vai editar o seu segundo disco, no que inclúen mais composicións propias que no anterior, pero sen perder nunca de vista a tradición. Na súa compaña aprenderemos ata que punto a forza desa tradición e da natureza están presentes na música dos gaiteiros de hoxe. E descubriremos tamén, por certo, que significa o seu nome: Xarín.

Atopar capítulo por: