Alalá
Vaamonde, Lamas e Romero Trío
Os protagonistas deste Alalá son: Suso Vaamonde, Xosé Lois Romero e Pedro Lamas; tres músicos impresionantes, tres almas predestinadas a facer da música un xeito de vivir e, sobre todo, de gozar. Cada un por separado, en parella ou co trío, teñen unha traxectoria musical que impresiona: forman parte de distintos grupos, publican obras, dirixen espectáculos, compoñen, dedícanse ó ensino... Os tres basean o seu traballo na formación, no talento e na esponteneidade. A música é algo así como unha terapia de liberación. Son moi currantes, disciplinados e buscan sempre a excelencia.
A historia deste trío xurdíu coma un divertimento e os seu traballo sobre Os Trintas de Trives dunha investigación exhaustiva e fascinante pola historia duns músicos que, a comezos do século XX, foron quen de triunfar nun Trives glamouroso e boiante. Hoxe, Vaamonde, Lamas & Romero comparten as aventuras e desventuras do mítico grupo no seu recente disco “O Tambor de prata”, un tesouro para os sentidos que converte cada concerto nun espectáculo no que a música se mestura coa retranca, co humor e co enxeño destes tres homazos.
Preparádevos para case calquera cousa: desde unha merenda con mesa e mantel no curuto dun faro; actuacións con rebarbadora incluída ou, de repente, non querer falar. De tódolos xeitos, unha advertencia: non vos tomedes en serio todo o que dín... porque son tremendos!