Larpeiros
Unha receita de Entroido
En pleno martes de Entroido, non hai cousa que apeteza máis que un cocido, un lacón con grelos ou unhas filloas. Por isto, “Larpeiros” vai facer esta noite un percorrido polos pratos máis típicos destas datas.
Pero antes de meterse na cociña hai que conseguir a mellor materia prima, o que en Galicia non supón problema ningún. Cos prados verdes de grelos, o “larpeiro” Adrián vai ata Monfero, unha das mecas galegas no que a esta verdura se refire, onde aprende do mellor guía e apañador de grelos desta localidade coruñesa. Mentres tanto, os seus compañeiros preparan unha empanada de mexillóns e cogomelos.
Cos grelos traídos por Adrián pódense facer infinidade de cousas, como unhas filloas recheas, un revolto, unhas croquetas… Pero está claro que co que mellor que casa esta verdura é cun bo lacón, polo que Benigno e Lola se poñen aos fogóns a preparar lacón de tres quilos xa desalgado.
O cocido é outros dos reis da mesa durante o Entroido, en que sempre parece todo pouco e logo sobran cantidades enormes. Pero iso nunca foi un problema, xa que o cocido é un prato que recicla moi ben: coas sobras pódense facer croquetas ou empanada. Os cociñeiros de “Larpeiros” sorprenden cuns canelóns de cocido. Merchi e Leni preparan, ademais, filloas recheas de grelos.
Nalgúns sitios de Galicia non se entende o Entroido sen a androlla, esa curmá do chourizo máis miúda que o botelo. O programa manda a Adrián ás terras do macizo central galego para aprender dunha experta a elaboración das androllas dun xeito completamente artesanal. Viana do Bolo é un dos templos da androlla en Galicia.
Como é máis habitual comer a androlla é cocida cunhas ricas patacas, unha boa verdura e algo máis de carne de porco. Pero xa se sabe que os “Larpeiros” son amantes do risco e preparan un arroz con androlla.
Este menú especial de Entroido péchase cunha sobremesa de filloas de chocolate.