Alalá
Teresa dos Cucos
Teresa dos Cucos canta. Canta todo o día. E faino desde que era ben pequeniña. Non deixou de cantar nunca, a pesar dos traballos e dos atrancos que a vida lle ía poñendo diante. Porque esta muller traballou moitísimo no campo, na casa e ata facendo encofrados para axudar ó seu home, que era albanel. É xeniuda, alegre e faladora. E sabe moitísimas coplas. As coplas que soaban por Malpica cando ela era unha nena e que hoxe só lembran algúns maiores tan cantaríns e festeiros coma ela.
Actualmente, con dous fillos e catro netos, e cun xeonllo lesionado desde que hai dez anos que caeu da bicicleta, segue traballando na casa, axudando ó marido cando vai ó monte buscar toxo e dando o seu paseo diario con Lucía, veciña e amiga da alma con quen comparte contos e cantares. E o que non perde nin cando trona é o ensaio dos martes coas pandereteiras de Limiñoa, ás que acompaña nas actuacións e coas que pasa os momentos máis divertidos.