CRTVG

Buscar

Alalá

Son de seu

30/05/2006 22:05 h

Coincidindo co décimo aniversario do Conservatorio de Música Tradicional da Escola de Artes e Oficios de Vigo, trasladámonos ata esta cidade para descubrir o que sen dúbida é a experiencia musical máis innovadora e espectacular deste centro. Referímonos a SonDeSeu, a primeira orquestra folk de Galicia que está formada por 35 músicos, todos eles alumnos desta escola.

A idea xurdíu hai xa sete anos e naceu como unha actividade didáctica do Conservatorio, que coordina un dos nomes de máis prestixio da música galega, Rodrigo Romaní. El e mailo resto dos profesores, encárganse de traballar cos alumnos nas distintas aulas: Romaní dá clase de arpa; Anxo Pintos de zanfona; Alfonso Franco traballa cos violíns; Xosé Liz de Cea na clase de requinta; Xaquín Xesteira ensina gaita e percusión e Fco. Xabier Feijoo, “Chisco”, encárgase da clase de canto e pandeiretas. Nesta edición de Alalá falarán os mestres e tamén alumnos coma Manoel, Roberto, Pauliine ou Mabel e comprobaremos que, para todos eles, SonDeSeu é algo máis ca unha actividade didáctica.

De feito, as emocións mestúranse e percíbense a través da música cando actúan sobre un escenario ou, coma neste caso, en plena Rúa do Príncipe. Así, con público espontáneo, escoitaremos pezas do primeiro traballo discográfico da orquestra, “Mar de Vigo”, e tamén do segundo disco que están a piques de publicar e no que aparecerán temas tradicionais e outros de composición propia.

A posta en escena da orquestra SonDeSeu resulta orixinal e sorprendente polo gran número de músicos, pola variedade de instrumentos e polos arranxos musicais cos que conseguen un son potente, cheo de enerxía e de harmonía. 

 

Atopar capítulo por: