Alalá
Seivane
Neste Alalá achegámonos ós primeiros recordos que garda Seivane da súa paixón musical. Xa de neno escapaba nas festas para onda o gaiteiro e quedaba pasmado vendo como facían sonar aquel instrumento. Comprou a primeira gaita con tan só doce anos e custoulle 17 pesetas. Este foi o comezo da traxectoria do grande artista, sen ningún mestre que lle ensinara fixo el mesmo unha. A inmensa maioría dos gaiteiros de Galicia lembran o Santuario de Ribeira de Piquín (na provincia de Lugo), así lle chamaban a aquel taller que el montou e no que acabaron traballando tamén os seus fillos que, desde cativos, medraron co son do torno e das gaitas.
Seivane, un home admirado, respetado e querido polos grandes profesionais da música, falaranos da súa vida, do custoso que era facer unha gaita sen apenas ferramentas e de como evolucionou todo coa incorporación hoxe en día das novas tecnoloxías. Na actualidade o Obradoiro está en Cambre. Seivane é hoxe en día un home cheo de orgullo porque se cumpriu o seu soño: que os seus fillos e netos seguiran coa profesión que el tanto amou durante toda a súa vida e que a súa neta Susana Seivane leve ós escenarios polo mundo adiante o seu sentir musical.
Veremos tamén como cambiaron as cousas no Obradoiro familiar e como se mantén o apelido da gaita cos seus fillos: Alvaro e Xosé Manuel e os seus netos Roberto e Saínza. Os Seivane cando se xuntan nas celebracións familiares fan o que mellor saben: tocar e transmitir o amor que se teñen deste xeito.