Alalá
San Blas de Bembrive
A suma dos furanchos, o viño e a cachucha coa música tradicional e a devoción relixiosa dan como resultado o San Blas de Bembrive. Unha festa ao grande, á que acoden cada ano unhas vinte mil persoas atraídas pola posibilidade de percorrer, sen saír do centro da vila, máis de trinta furanchos nos que, ademais de probar o viño, van poder gozar da música de distintas formacións tradicionais que animan a todo o mundo a cantar, bailar e participar da diversión colectiva.
O San Blas era coñecido noutrora como “a festa dos homes” porque eran os obreiros de Vigo -os dos estaleiros, Citroën e o peirao-, os que ían ata Bembrive a xantar o cocido cada tres de febreiro. Estas peñas de amigos, o mesmo que os romeiros relixiosos, acudían acompañados moitas veces por gaiteiros. Hoxe a cousa evolucionou: as mulleres son tan numerosas na festa como os homes, hai moitos máis furanchos e esta é unha das citas obrigadas para tódolos músicos de Vigo e arredores. Pero segue sendo unha romaría como as de antes, nun contorno rural coa peculiaridade de que está a só tres quilómetros e medio do centro da cidade de Vigo.