CRTVG

Buscar

Alalá

Salóns de Baile - Marful

10/03/2009 22:05 h

Houbo un tempo, alá polos anos 30, 40 e 50, no que Galicia estaba chea de salóns de baile. Habíaos en tódolos recantos e chegou a haber ata tres na mesma parroquia. Porque os salóns cumprían unha importantísima función social: eran o espazo de relación dos mozos, o sitio no que se xuntaban cando o mal tempo non deixaba facer o baile fóra. Os salóns substituíron ós seráns e ás fiadas e, do mesmo xeito, os acordeonistas e as orquestas substituíron ós gaiteiros e ás pandeiretas á hora de face-la festa. Nos anos duros da posguerra os salóns serviron para mante-la ilusión e o romanticismo e convertéronse nunha parte moi importante da memoria musical dos galegos.

Nestes salóns vivíronse os primeiros bicos e os primeiros abrazos de moitas parellas pero, ademáis, neles tocaron as súas primeiras notas un sinfín de magníficos músicos. Unha vez que os salóns desapareceron, cando alá polos sesenta comezaron a xurdir as salas de festas e as discotecas, non só sentiron nostalxia deles os matrimonios que se coñeceran alí bailando. Tamén os músicos, que en moitos casos se dedicaron a seguir tocando coas orquestas que aínda hoxe enchen Galicia, ou a dar clases de música ós rapaces novos, ou a arranxar instrumentos. E ata os máis novos, os que non coñeceron o ambiente romántico dos salóns, senten unha especie de morriña cara eses edificios fermosos que na maioría dos casos están en ruínas. Por exemplo os músicos de Marful, que fixeron o seu primeiro disco inspirados por tódolos sons e o ambiente que se viviu nos salóns de baile.        

 

Atopar capítulo por: