Alalá
Rubén González
Viaxamos ata as terras do Incio; aquí vive un gaiteiro coñecidísimo: Rubén González. Coñecido tamén por ser toda unha institución palleteira en Galicia. Ten 85 anos, é un home moi querido, con moito enxeño, xeneroso e que loitou moito por conseguir o seu ansiado soño: ser gaiteiro, o Gaitieiro de Castelo.
A primeira gaita mercouna por tres pesos, cartos que gañara facendo zocos. Si, este home tamén foi zoqueiro e ferreiro, traballou na fragua mais de trinta anos facendo coitelos, fouciños... e os coitelos probábaos el mesmo porque foi matachín. Toda a ferramenta que facía ía vendela sobre todo á feira do Incio. Pero non se conformou, tamén traballou na mina de magnesio. Pero o que nunca hai que esquecer é que Rubén foi e segue a ser dos mellores gaiteiros do Incio.
Unha das cousas que lle produce mais orgullo e que xunto coa súa Victoria sacaron a familia adiante e criaron ós tres fillos. Un deles, Antonio, o único varón, continúa en Lugo co oficio de palleteiro que herdou de seu pai ó que admira profundamente.
Rubén cóntanos como se poden facer tantas cousas, e facelas ben; como se poden aprender tantos oficios, contruír as ferramentas para as palletas, facer o mazo da forxa.... e despois, a tocar! Hai corpo que resista isto? Pois nós descubrimos que sí.