CRTVG

Buscar

Luar

Rosa López / Mercedes Peón / Carlos Bau / King África / Manolito El Pescador

18/07/2014 22:00 h

Aínda que o concurso “Recantos” xa concluíu, coa flamante vitoria de Rubén, o representante de Terras de Compostela, os “recanteiros”, tanto os recentes coma os futuros, serán esta noite os auténticos protagonistas do programa “Luar”. Os 18 concursantes que interviñeron na última edición deste certame de novos talentos despediranse da audiencia da TVG cantando entre todos un tema e dándolles a benvida ós seus sucesores: os 20 concursantes seleccionados para participar na quinta edición de “Recantos”, que dará comezo o vindeiro mes de setembro. Os próximos “recanteiros” daranse a coñecer aos espectadores e contestarán tamén as preguntas do xurado.

Como é habitual, xunto a novas promesas, “Luar” contará coa presenza de artistas consolidados do panorama galego e nacional. Así, o espazo presentado por Xosé Ramón Gayoso e Lucía Regueiro recibirá a visita de dúas mulleres que en cada actuación despregan toda a súa forza no escenario. Dun lado, estará Rosa López, cantante excepcional que, coa súa espectacular voz e simpatía, soubo gañarse todo tipo de audiencias. Do outro lado, a cantante e instrumentista Mercedes Peón, quen, co seu repertorio enérxico e explosivo, conseguiu atrapar público de todo o mundo e converterse nunha figura destacada da música de vangarda.

Ademais, “Luar” ofrecerá esta semana as actuacións do cantante e compositor coruñés Carlos Bau, que realizou multitude de colaboracións e compartiu escenario con grandes do panorama nacional; do artista arxentino King África e do showman Manolito El Pescador. 

Polo escenario do programa tamén pasarán esta noite as agrupacións Os Xeitosos de Trazo e Berros do Castro, a Banda de Música Cultural de Mondariz, os Pandeireteiros Traspés e o grupo búlgaro Aura. 

Unha edición especial infantil do concurso “Vai de Gaita” e a visita do culturista naronés Luís Pernas, que hai uns días se fixo co título de Mister Universo, o que no seu día conseguira Arnold Schwarzenegger, completan o cartel desta nova edición de “Luar”.

Atopar capítulo por: