CRTVG

Buscar

Alalá

Regueifa en Bergantiños

16/06/2009 22:05 h

Que un veciño faga unha copla meténdose con outro, e que ese outro teña a capacidade de responderlle ó momento con outra copla parecida, pero intentando que sexa aínda mellor, e que despois sigan sendo tan amigos e facendo rir con esa disputa verbal é un arte. Niso consiste a regueifa.

Os bos regueifeiros son capaces de pasar horas “loitando”.

Comezouse a regueifar nas xuntanzas veciñais cando se facían traballos comunitarios: nas fiadas, nas mallas ou nas carretadas. E despois fíxose nas festas, sobre todo nas vodas, nas que se loitaba para acadar un anaco de pan de ovo, azucre e manteiga que se chamaba precisamente regueifa. Para atopar alguén o mellor é ir a Bergantiños, comarca que está considerada o berce desta arte. Alí foi onde comezou a facerse como espectáculo aberto ó público e onde houbo maior afección.

Daqueles mestres da palabra que eran verdadeiros ídolos entre os seus veciños non quedan máis que catro que continúen regueifando: Fermín da Feira Nova, Guillermo da Rabadeira, Suso de Xornes e Antonio de Xornes. Con eles coñeceremos en qué consiste a regueifa e ó mellor somos capaces de aprender algo da técnica destes divertidos combates dialécticos que, segundo eles mesmos din, están en perigo de extinción.

Atopar capítulo por: