Alalá
Raúl Galego
Raúl Galego é un namorado da súa terra, naceu na Golada e ten conciencia que xa desde os doce anos quería ser gaiteiro. Esta é unha historia de amor coa gaita, porque dende cativo naceu nel esa ilusión polo instrumento sen telo nunca na man, sen tocalo. Despois de numerosas anécdotas, como a de chegar a facer unha con bolígrafos, non parou na súa teima e conseguiu entrar en Cántigas da Terra, pero non foi chegar e encher, como non facían falta gaiteiros primeiro tivo que cantar.
Este foi o comezo desa ilusión que se converteu en realidade. Desde este momento e ata a actualidade Raúl participou en mais de trinta grupos, dou clases noutras tantas asociacións; saíu ó extranxeiro, colaborou na gravación de discos e por se isto fose pouco, anda sempre coa cabeza posta nas gaitas e nunca deixou de profundizar no seu coñecemento. A súa idea de gaiteiro vai mais alá do son da gaita, outra das cousas que o apaixoa é facer os seus “inventos” xa que mesmo chegou a facer unha gaita coas propias mans. Os seus amigos éncheno de alabanzas, non só no terreo musical, senón en innumerables facetas nas que se manexa como poucos.
Xa se sabe, os comezos son duros pero hoxe seguramente non hai festa en Galicia onde Raúl non tocara. Na actualidade está nos seguintes grupos: Campantes da Baña, Millo Verde, O gaiteiro Nubeiro e a Gaita de Sarandón… e ten participado en todo tipo de actos e manifestacións da cultura galega plasmando o seu saber sobre papel en moitas publicacións. Neste caso sí podemos dicir que o sono de Raúl se fixo realidade.