Alalá
Raigañas
Raigañas son nove mozas de Malpica. Pandereteiras criadas entre o mar da Costa da Morte e as leiras de patacas e de millo das parroquias de Cerqueda, Cambre e Leiloio. Durante anos recolleron das avoas os cantares da comarca, que hoxe compoñen o seu repertorio e o seu primeiro disco. Levan polo mundo os sons da súa terra. E alí é onde queren estar, pero ningunha delas vive onde naceu, porque non lles é doado atopar traballo preto da casa.
Fóra da pesca e do campo, da construción e dos talleres de confección, apenas hai onde empregarse. Por iso as Raigañas tiveron que marchar, como fixeran antes seus pais e seus avós. Non tiveron que ir moi lonxe. En vez de ir a Suíza elas buscaron traballo na Coruña, en Pontedeume ou en Carballo. A súa é unha emigración moi distinta á dos maiores, pero a morriña, polo que din, case é a mesma. Botan en falta a familia, os amigos, a paisaxe e un xeito de estar e de vivir que só atopan na súa terra. Por iso tódalas fins de semana, coa escusa de ir ensaiar co grupo, tiran para Cerqueda. E alí, os ensaios das Raigañas convértense nunha verdadeira terapia na que entre risas, falares e cantares, esquecen tódalas preocupacións.