Alalá
Quempallou
Desprazámonos ata a cidade das Burgas, en Ourense. Nesta vila terá lugar un adianto explosivo: a presentación do 3º disco de Quempallou.
Naceron na primavera do 1999 dacabalo entre o Morrazo e o Incio. Son sete mozos cunha filosofía viva no que á música se refire: a súa máxima é que o público cante, baile, aturuxe, berre… que o pase en grande, que ningún dos presentes deixe de sentir o formigo que lle fai mover pés e de xeito incontrolado todo o corpo. Son unha mestura entre a gaiteirada feliz e a cantiga de escarnio, entre foliadiña de baiúca e festa rachada de festival, entre cancioneiro e composición…
Quempallou fala das cousas que lle preocupan e cunhas letras que convidan a facer festa sen esquecer as cousas do mundo no que lles tocou vivir. A comezos de maio estará o seu terceiro disco no mercado, “Polo aire”, e ¡ollo!, non voará só, virá con moitas sorpresas.