CRTVG

Buscar

Alalá

Programa especial: "O rei da festa"

04/09/2015 22:05 h

Ao longo da historia os que animaron a festa foron as pandereteiras e os gaiteiros, logo os acordeonistas e máis tarde os grupos folk. Hoxe as diferentes formacións conviven demostrando a riqueza da nosa música e a súa capacidade para facer mover aos bailadores e facer ferver o terreiro.

Nesta ocasión, o campo da festa vai ser a carballeira de San Lourenzo, en Santiago de Compostela. Alí van demostrar o seu bo facer varios grupos que, representando a diversidade musical galega, intentarán acadar dos seus compañeiros o título de rei ou raíña da festa.

Cada un dos grupos participantes representa un tipo de formación diferente. As Lagharteiras son pandeireteiras clásicas, recoñecidas polos seus compañeiros como magníficas intérpretes; Raúl Galego é un gaiteiro de raíz moi respectado; Xabier Díaz acompaña a fermosura da súa voz e do acordeón co son dos adufes, os antigos pandeiros cadrados; O Fiadeiro achega a esta festa o bo facer dos seus bailadores; Ardentía leva 25 anos mesturando novos sons no eido do folk, e Tanto nos Ten é un dos grupos de música tradicional máis reclamados nos últimos tempos pola súa capacidade para facer festa rachada. 

Todos eles interpretarán distintas pezas e falarán dos cambios que viviu a música tradicional nos últimos anos, da maneira en que eles a entenden e dos seus proxectos, para rematar votando por aquel compañeiro que consideran o mellor músico para facer festa.

Atopar capítulo por: