Larpeiros
Larpeiros. Cap. 38: Unha pedra comestible
Unha nova proposta para cociñar con humor e conversa chega hoxe da man do mestre larpeiro Benigno, que convidará o espectador a realizar un prato cuxo núcleo central é o sargo (peixe branco) salgado, na compaña dos seus colegas larpeiros. Fiel ás instrucións do mestre, o reporteiro intrépido Tomás Alonso levará coma sempre boa conta dos consellos do mestre e comprará no mercado do Calvario (Vigo) os ingredientes necesarios que forman parte da receita. Sen saír da ruta do sargo, o larpeiro viaxeiro tamén se achegará ata un almacén de sal no porto de Vigo.
A temporada actual de "Larpeiros", o programa que combina gastronomía co humor e conversa, pretende achegar a cociña a un público máis amplo, a través do humor, das curiosidades e dos bocados lixeiros de información. Para os galegos producir alimentos, vendelos ou mercalos, cociñalos e comelos son actividades cun marcado carácter social, así que o que fai o programa é compartir esas actividades dándolles un aire festivo, pasando das receitas á relación das persoas coas cousas de comer.
Por todo isto, a cociña do programa está ocupada por varias persoas que cooperan, opinan e que se divirten diante do lume, con reportaxes que nos achegan informacións, curiosidades, trucos culinarios ou pingas de humor en que se dan a coñecer ao espectador como escoller os mellores produtos, como conseguilos, etc.