CRTVG

Buscar

Larpeiros

Larpeiros. Cap. 16: Lacón, chourizo e grelos, a alegría dos galegos

04/02/2009 22:10 h

O inverno en Galicia é tempo de grelos e grandes lacoadas, pero o programa Larpeiros descobre que moitos galegos non saben preparar un lacón con grelos e que outros moitos non saben distinguir grelos e nabizas. Aínda así, a grandes males, grandes remedios, pois o grupo protagonista de alegres comensais proponse cociñar este prato tradicional e mostrarnos que os seus segredos son poucos e sinxelos de aprender. Pola súa parte, o xornalista Tomás Alonso emprende unha interesante investigación para amosarnos como se salgan e curan os lacóns en Lalín, terra do porco por excelencia, e cómo recoñecer as mellores pezas cando acudimos ao mercado. Tomás, logo de demostrar a súa habilidade para atar manualmente os chourizos, acepta o desafío de apañar os grelos nas terras do Alto Ulla, onde se cultivan os mellores de Galicia. Así mesmo, en Palas de Rei, os larpeiros reciben unha completa lección sobre nabos, nabizas e grelos. Ademais, o programa visita o mercado dos grelos por excelencia, o de Santiago de Compostela, para, finalmente, os cociñeiros Benigno Campos e Lolita Vilela preparar un espléndido lacón, co habitual ton do programa, en que a información culinaria e o humor se mesturan a partes iguais.

Atopar capítulo por: