CRTVG

Buscar

Larpeiros

Polo recheo á sidra

17/12/2015 22:00 h

Os “Larpeiros” comezan o programa cunha animada conversa lembrando cousas que xa comeron e contando historias de xantares felices.

Algo que xa comeron moitas veces e que os fai moi felices é o polo. Algúns lembran cando o polo era un prato de festa. Despois converteuse nun dos alimentos máis comúns e agora volve ser un prato de festa.

Eses poliños criados no campo, con millo e verduras, que durante un tempo estaban desaparecidos, agora volven estar en todos os mercados. Non se pode dicir iso de que “xa non hai polos coma os de antes” porque agora hai uns polos espectaculares ao noso alcance durante todo o ano.

Ademais, o polo é unha carne que convida a ser cociñada de mil xeitos diferentes: guiso con fideos, ao forno, en empanada, tamén asado e, sobre todo, poñéndolle unhas mazás ou uns froitos secos no recheo, que lle dan un aroma marabilloso. E cada vez o recheo pode ser diferente: un día pódeselle botar mazá, outro día cogomelos, e ao terceiro xamón ou un pouco de xerez.

Como non podía ser doutro xeito, don Benigno propón facer un xantar en que o polo sexa o gran protagonista, pero dándolle un toque un pouco diferente: polo recheo á sidra. Con receitas coma esta, o polo é sempre un prato de festa. E, para completar o ágape, Merchi e Leni teñen pensado preparar unhas magdalenas de plátano e chocolate.

Unha vez decidido o menú, chega a quenda de Adrián, o “Larpeiro” máis atrevido, que vai voando ata o concello ourensán de Sandiás, na comarca da Limia. Alí, coa axuda de Emilia, aprende todos os segredos duns polos criados como se facían antes, ao aire libre, alimentados con millo e verduras. Uns polos dos que calquera avoa se sentiría orgullosa.

 

Atopar capítulo por: