Larpeiros
Polo de festa con trufas e champiñóns / Suspiros recheos de crema de limón
O polo é o protagonista absoluto no programa “Larpeiros”. Agora está en todas as mesas, pero houbo un tempo en que era un prato de festa, un prato para gozar cos amigos ou coa familia un domingo especial. Aínda que para os que son amantes do polo nunca deixou de ser un prato de festa, non porque o coman poucas veces, senón porque tolean por el. E non é para menos, xa que un guiso de polo con champiñóns ou con chícharos está á altura de calquera outro prato de festa. Sobre todo se é un polo campeiro, alimentado con millo e con verduras, paseando polo campo e sen ningún tipo de estrés.
Como de polo vai a cousa, Benigno cocíñao á súa maneira, dándolle un toque un pouco especial: con trufas negras, un produto singular pero non tan raro nin tan caro como pensamos moitas veces. A receita resultante é un polo de festa con trufas e champiñóns.
Para isto, Adrián, o “larpeiro” investigador, viaxa a Baltar, na provincia de Ourense, onde, grazas a Luís, se converte nun experto criador de polos de curral. Ten que traballar arreo e convencer o seu anfitrión para que o deixe levar un bo polo para os seus compañeiros.
A nota doce do xantar poñena, coma sempre, Merchi e Leni, que preparan nesta ocasión uns suspiros recheos de crema de limón.