Alalá
Pirilampo
Pirilampo é música galega para nenos. Esta foi a idea que tivo Xosé Lois Seixo que, aproveitando os anos de experiencia como mestre e inspirandose co nacemento da súa neta Antía, decidíu iniciar un bonito proxecto musical.
Para conseguilo rodeouse dun grupo de músicos entusiastas dispostos a enfrontar e asumir un grande reto: conseguir o interese do público infantil! E proba superada! Xa teñen dous CDs cheos de cancións, están a preparar o seguinte e con isto os nenos aprenden divertíndose e en galego. Os cativos aprenden con ritmo, con xogos corporais e con actividades que espertan tódolos sentidos.
Nalgúns colexios as propostas didácticas que acompañan estas cancións son moi motivadoras porque a partir de cantigas que falan do corpo, das árbores, do carrizo ou do tractor … poden desenvolverse cos nenos moitas actividades que os achegan ó descubrimento da natureza e resulta unha proposta divertida. A poesía tamén está presente nestas cancións, xa que, no segundo disco, Xosé Lois Seixo púxolle música ás letras do poemario infantil Abracadabras de Marica Campo; así achégase aos nenos a poesía infantil unindo a maxia da palabra coa maxia da música.
A pirilampear todos!