CRTVG

Buscar

Alalá

Pesdelán

13/07/2011 22:05 h

Se vos gusta o baile tradicional pero non vos atrevedes a soltarvos cando soa unha peza, non vos preocupedes, o grupo Pesdelán, ten un traballo publicado que se chama “Na punta do pé”, e está pensado para todos aqueles que sempre envexaron poder dar chimpos e pasalo ben. Esta proposta musical, un libro-CD-DVD, anima a aprender cancións, bailes e xogos do patrimonio tradicional galego e portugués dun xeito divertido e participativo.

Esta agrupación xorde no ano 2008 da unión de reputados músicos de distintas formacións musicais. Todos eles sentían a necesidade de facer algo así para que a xente ademais de escoitar poida participar. Unha proposta divertida e novidosa que pretende substituír o concepto de público espectador polo de público participante, e o máis importante de todo: pasalo en grande. Ademais, aínda que moitos de vós non moverades nunca un pé, iso non é un problema, o que fan estes mozos é ir aprendendo dun xeito divertido os pasos de baile de cada un dos temas, para despois bailalos todos xuntos.

Este tipo de concertos están dirixidos a público de tódalas idades e, por suposto, unha das cousas máis impactantes dos mesmos é ver a toda a familia xunta: os pequenos cos pais, cos avós, con coñecidos, con descoñecidos.…

Tampouco hai problema se non recordades tódolos pasos porque no DVD, hai unha explicación pormenorizada dos pasos básicos para ensaialos todo o necesario ata que vos saian á perfección.

Como eles din, este espectáculo ten diversas funcións: divertirse, perder a vergoña, suar moitísimo... Un concerto de Pesdelán é como unha sesión de ximnasio.

 

Atopar capítulo por: