CRTVG

Buscar

Larpeiros

Pescada con crema de grelos / Pastel de plátano

27/02/2014 22:15 h

A pesar do frío, a chuvia e os temporais propios deste tempo, os “Larpeiros” da TVG recrearanse hoxe nas alegrías gastronómicas que trae o inverno en Galicia. Sen dúbida, unha delas son os grelos, un produto moi versátil na cociña. E é que hai ver todo o que se pode facer con eles, desde comelos simplemente cocidos ata acompañalos con patacas e ovos, pasando por empregalos nun revolto ou como ingrediente principal dun caldo.

Pero son moitos máis os xeitos que temos de comer grelos, como, por exemplo, en cremas ou en puré e tamén con arroz, algo moi típico en Portugal, onde os empregan como acompañamento do bacallau. Como de grelos vai a cousa, don Benigno proporá facer un xantar que non deixará indiferente a ninguén: pescada con crema de grelos.

Unha vez decidido o menú, Adrián, o “larpeiro” máis viaxeiro, porase en marcha e irá ao Val do Xeitoso, en Monfero, onde, da man de Xavier, descubrirá case todos os segredos do cultivo duns grelos que dá gloria velos. E, por se isto fora pouco, fará unha paradiña nunha adega do Ribeiro para levarlles aos seus compañeiros un viño branco á altura do xantar de hoxe. De volta na casa, a festa será completa co pastel de plátano co que Merchi e Leni agasallarán o resto dos “Larpeiros”.

Atopar capítulo por: