Alalá
Pazos de Merexo
Manuel ronda os oitenta anos pero segue mantendo a mesma mirada viva e curiosa de cando era novo e andaba tocando polas festas co seu acordeón diatónico. Sempre foi coñecido como Pazos de Merexo, Pazos polo apelido, Merexo polo lugar no que sempre vivíu, en plena ría de Camariñas.
Achegámonos ata alí para compartir con el unhas horas de música e conversa. Porque Pazos é un gran conversador, un home afable que fala das cousas da vida coa experiencia de quen xa pasou por case todo. Coñece vellas historias do mar e da terra, sempre viviu á carón do már pero está máis pegado á terra. De feito el é labrego como a maioría dos que viven en Merexo.
Con el saberemos como eran aquelas festas ás que ía tocar co seu primeiro acordeón, regalo dun amigo de seu pai que viñera de Arxentina, como moitos emigrantes da zona que, naquela época, ían e viñan. Pazos aprendeu a tocar de oído, practicando horas e horas, ata converterse nun músico de moita sona. Chamábano de todas partes ata que apareceu o acordeón de piano e os diatónicos pasaron de moda. Agora moitos músicos novos recuperaron este instrumento, entre eles Brais Maceiras –que actúa habitualmente con Susana Seivane- a quen veremos tocando.