Alalá
Pandereteiras de Ultreia
Din os estudosos que hai pandereteiras dende hai milleiros de anos. Desde os inicios da música, desde que se inventou a agricultura, cando as mulleres se xuntaban para realizar os labores e despois empregaban os cribos para facer festa. Desde aquela ata hai cen anos a cousa cambiou lentamente. Pero no último século os cambios producíronse a toda velocidade e nada teñen que ver as vidas das pandereteiras actuais coas das súas avoas. Só a música. As pezas herdadas e a maneira de expresar os sentimentos cunha pandeireta ou cun aturuxo. Poñéndolle a mesma paixón cando tocan hoxe nun escenario que cando antes o facían nun serán despois da malla. Coa paixón coa que tocan as pandereteiras de Ultreia.
As mozas de Ultreia levan dezasete anos tocando xuntas. Recollendo pezas nas catro provincias e polas zonas que comparten cultura con Galicia, como o Bierzo, Asturias, Zamora e o norte de Portugal. Pezas que despois tentan transmitir ó público con fidelidade, sen apenas arranxos. Pero cunha técnica froito de moitos anos de ensaio xuntas que fai que sexa unha verdadeira delicia escoitalas.