Alalá
Pablo Carpintero
Pablo Carpintero é un magnífico gaiteiro, ademais de ser un dos maiores expertos en folclore do noso país. Constrúe e restaura instrumentos, produce discos, organiza exposicións de instrumentos antigos, dirixe varios grupos, colabora en programas de radio e intenta por todos os medios que a cultura tradicional chegue a todos.
Un home xeneroso que doou todo o material acadado durante anos de traballo de recollida ó Arquivo Sonoro do Consello da Cultura Galega. Por esa xenerosidade e polo seu altísimo nivel de coñecementos é admirado e querido polos outros músicos e estudosos da tradición.
A pesar de ser aínda novo, Pablo leva feito un enorme labor de estudo e recuperación da cultura tradicional e agora traballa na que será a primeira tese doutoral dedicada á gaita galega. Para el será o segundo doutoramento, porque este Leonardo da Vinci da nosa terra é ademais doutor en Ciencias e un destacado investigador no eido da xenética molecular.
Neste programa coñeceremos ademais a súa faceta máis familiar, as súas reflexións sobre a situación actual da cultura en Galicia e aprenderemos moito, moitísimo, sobre a gaita e outros curiosos instrumentos galegos que forman parte da completa colección que posúe Pablo Carpintero.