Larpeiros
Ossobuco con chícharos e biscoito de cabaza e laranxa
Para os “Larpeiros”, comezar o día con forza é moi importante e por iso nunca deixan pasar un bo almorzo. Cada un ten as súas preferencias na primeira “papatoria do día”. Non é de estrañar porque as posibilidades son infinitas e deliciosas. Café con leite, zume de laranxa, pan, biscoitos de mil xeitos, roscas, tortas ou bicas. En Ourense son famosas as de Trives ou Castro Caldelas, que lles gustan aos lambóns de medio mundo.
Pero tamén hai que pensar no xantar. E xa que Cachín, o convidado de hoxe do programa, trouxo un viño tinto da Ribeira Sacra, don Benigno propón facer un guiso de inverno que casará á perfección con esta marabilla para os sentidos: un ossobuco con chícharos. Un prato de categoría feito cunha peza de carne de tenreira desas que merecen unha reverencia: o xarrete cortado en ossobuco, co óso, que é perfecto para guisar. As verduriñas, a calma e a arte dos cociñeiros farán todo o demais. Pola súa parte, Adrián, o “Larpeiro” máis viaxeiro, non é amigo de ir dereitiño ao mercado, así que collerá rumbo ás terras altas do concello ourensán de Trives para visitar o seu amigo Toño, un experto de primeira en bicas. A súa familia leva máis de cen anos preparando esta lambetada con ovos, fariña, azucre e dous ingredientes fundamentais: a manteiga de vaca cocida e a masa de pan fermentada, que son responsables da textura e sabor inconfundibles da bica de Trives. Iso, e o cariño que lle poñen ao facela, respectando a receita tradicional en todo momento, mesmo á hora de repartir o amoado grazas a unha báscula que ten unhas poucas ducias de anos.
E mentres Adrián completa o seu periplo, na casa, Leni e don Benigno prepararán un biscoito de cabaza e laranxa, unha lambetada sinxela e moi sabedeira.