Alalá
Os Estalotes
A música tradicional como divertimento, como festa, como algo espontáneo que hai que compartir para gozar dela intensamente. Esta podería ser a filosofía que define ós Estalotes, un grupo que naceu hai uns quince anos nunha das rúas con mais vida de Santiago de Compostela, na rúa de San Pedro. Daquela, os membros fundadores como Morgan, Xabier, Enrique e José estaban xa en Cantigas e Agarimos pero isto non era de abondo para eles, así que decidiron formar outro grupo.
Xuntábanse para ir tomar os viños polas tabernas do barrio e, de paso, tocaban e cantaban. Iso o que eles chamaban, e chaman, “estalotadas”. Agora xa non percorren tantas tabernas, pero ese concepto de “festa ambulante” segue intacto e un venres de cada mes volven saír xuntos para gozar do que mais lles gusta: música e amigos.
Cos anos, as estalotadas, non perderon popularidade, senón todo o contrario, posto que foron entrando novos membros. Primeiro foron Mouriño, un artesán de gaitas; Mané, fillo do gran gaiteiro Mallou e Antonio, considerado por moitos o mellor pandereteiro de Galicia. Anos despois chegaron máis: Belén, unha moza que estudou Mediciña e que acababa de aprobar o MIR; Elisa, filóloga, que ademais de desfrutar coa música, nas estalotadas atopou o amor de Manolo, e Alberto, comprador dunha multinacional téxtil, que foi dos últimos en incorporarse.
Cos anos, os Estalotes foron a mais e o número de persoas que participan nas estalotadas tamén. De feito, eles calculan que, entre todos, hoxe en día os Estalotes deben ser uns douscentos.