CRTVG

Buscar

Alalá

Os Alegres

22/12/2010 22:05 h

Os Alegres son un dos grupos de gaiteiros máis antigos que continúan en activo.  Levan setenta anos tocando ininterrumpidamente, desde que o mítico gaiteiro de Mourente, Alejo Aboal, se xuntara con tres amigos para formar un cuarteto co que animar as festas de Pontevedra e arredores. Á fronte está hoxe Dionisio, o fillo de Alejo, acompañado dos seus propios fillos, primos e sobriños.

Ademais de tocar, Os Alegres formaron unha escola de gaiteiros e percusionistas porque necesitaban músicos cando había que substituír a algún que non podía ir porque tiña que traballar ou estaba enfermo. E hoxe apenas hai grupo na provincia de Pontevedra no que non toque algún dos seus alumnos.

Outra das razóns polas que Os Alegres son moi coñecidos é porque fabrican instrumentos tradicionais. Gaitas, bombos e tamboriles que comezaron a facer tamén por propia necesidade, para abastecerse eles mesmos. Desde que crearon o obradoiro no 1978 veñen realizando un labor de investigación que lles permitiu recuperar instrumentos que xa case non se utilizaban e que hoxe comercializan nas feiras de artesanía ou no propio obradoiro.

 

 

 

Atopar capítulo por: