CRTVG

Buscar

Alalá

Orquesta de Xove

08/04/2008 22:05 h

Desprazámonos ata a Mariña lucense, concretamente ata Xove. O motivo é o de coñecer unha formación galega con máis de vinte anos de existencia. Nesta zona a música é a protagonista da vida de moitísimos nenos e mozos da vila, e todo isto nace grazas ao labor dun home: Xan Carballal e a ese gran proxecto seu que se converteu na Orquestra Municipal de Xove.

A este prestixioso mestre chamouno o concello de Xove hai máis de dúas décadas para poñer en marcha a escola de música, e anos despois funda a Orquestra de Xove. Era a década dos noventa cando aqueles cativos se presentaban como orquestra e con uns instrumentos, por aquel entón, practicamente descoñecidos no país. Estes foron os primeiros pasos, e desta orquestra de formación saíron unha chea de músicos que hoxe en día están a traballar en orquestras de toda España.

Unha orquestra galega única en toda a comunidade que se encarga de divulgar a música de autores galegos como Pacheco, Bal y Gay ou Xoán Montes. Estes e outros compositores clásicos beberon desde sempre da música tradicional e a Orquestra de Xove quere dalo a coñecer.

Teñen dous discos gravados, viaxan por toda a xeografía e o traballo non remata aquí. Nesta escola hai dúas citas importantes no ano, unha é a de Nadal e outra é en Semana Santa, na que se organiza desde hai anos un curso ao que asisten figuras internacionais e prestixiosas, pedagogos de primeira fila que neses días achéganlles unha serie de ensinanzas aos alumnos do curso.

Despois de anos de traballo Xan chegou á conclusión de que a Orquestra de Xove pode servirlle de referente a un plan de carácter sociocultural que poida cubrir as necesidades e inquedanzas musicais que están sen resposta no noso país.

Atopar capítulo por: