CRTVG

Buscar

Luar

O can de palleiro; con Dulce Pontes e El Consorcio

04/12/2015 22:00 h

 O programa “Luar” terá este venres un protagonista moi especial: o can de palleiro, unha raza autóctona galega en perigo de extinción. O espazo da TVG reivindicará a valía deste cadelo pastor de garda fiel, que comparte unha orixe común cos pastores alemáns, belgas e holandeses. Como ilustre representante desta raza, o programa contará coa presenza no estudio do can Fusco, protagonista da campaña publicitaria dun coñecido grupo galego de alimentación, que virá acompañado do seu adestrador, Octavio Villazala.
No capítulo musical, “Luar” recibirá esta noite a visita da cantante portuguesa Dulce Pontes, cuxa actividade artística contribuíu ao renacemento do fado nos anos 90. Considerada unha das mellores artistas do panorama musical luso, distínguese pola súa voz versátil, dramática e cálida.
O programa presentado por Xosé Ramón Gayoso, a quen hoxe axudará nas tarefas de presentación a actriz Susana Sampredro, que lle dá vida á peculiar Erea da serie “O Faro”, tamén ofrecerá as actuacións do emblemático grupo El Consorcio; da cantante María Chenlo, unha artista con alma de rockeira que transmite unha grande enerxía sobre o escenario; da orquestra Europa; do grupo de música e baila tradicional Traspés, dedicado á recuperación, investigación, conservación e difusión do folclore galego, e da Banda de Música de Caldas de Reis.
Con 2.500 € de bote no concurso da chamada telefónica, “Luar” continuará unha semana máis cos concursos “Recantos” e “Vai de Gaitas”, con novidades neste último, xa que hoxe serán eliminados oito dos concursantes e só quedarán xa en liza os catro semifinalistas deste certame infantil.

Atopar capítulo por: