Alalá
Nordestinas
Nordestinas é o resultado dun soño longamente acariñado por Ugía Pedreira e Guadi Galego, dúas das mellores voces da escena galega. O soño de interpretar as cancións da súa infancia: as cancións do norte galego, de Foz e Cedeira, onde naceron. As cancións do mar, dos mariñeiros nas tabernas, as habaneiras, as melodías chegadas da outra beira do Atlántico e as coplas populares que soaban nas súas casas cando eran nenas.
E para facer realidade este proxecto chamaron a Abe Rábade, un dos pianistas de jazz máis recoñecidos do momento. Xuntos, Abe, Guadi e Ugía formaron Nordestinas e crearon un repertorio cheo de maxia, no que o jazz e a música popular se funden sen estridencias, nunha total e completa harmonía.
Nordestinas vén de sacar á luz o seu primeiro disco. Un disco cheo de mar, de jazz, de paixón norteña, nostalxia, cariño e elegancia. E neste Alalá veremos cómo se xestou, desde a mesma infancia dos seus creadores ata a espectacular posta en escena nos concertos de Nordestinas.