CRTVG

Buscar

Larpeiros

Morro de porco con chícharos frescos / Pastel de amorodos e merengue

22/05/2014 22:45 h

A primavera e as cousas ricas de comer que trae esta estación centrarán hoxe a conversa dos “Larpeiros” da TVG. Para eles, a primavera non comeza de verdade ata que apañan os primeiros amorodos da horta. E non só os amorodos veñen de visita por estas datas, senón que tamén os chícharos, os tirabeques, os espárragos brancos e outras moitas verduras que están nun momento espectacular nesta época, como as leitugas, os aguacates ou as cenorias.

A única pena que lles queda aos “Larpeiros” cando chega a primavera é ter que despedirse do cocido. Para facerlle unha despedida como debe ser, o cociñeiro convidado de hoxe no programa, Diego López, último gañador do concurso “Cociñeiro do ano”, proporá facer un prato empregando cousas típicas do inverno pero cun toque primaveral: morro de porco con chícharos frescos.

Para isto, Adrián marchará a Porto do Son, onde, grazas a Santi, descubrirá como viven uns porquiños celtas moi especiais. O “larpeiro” máis viaxeiro terá que correr tras deles polos montes de Nebra se quere converterse en todo un experto na cría destes animais tan nosos.

De volta na casa, a festa será completa co pastel de amorodos e merengue que Merchi e Leni lles teñen preparado aos seus compañeiros.

Atopar capítulo por: