Alalá
Maghúa
Esta noite Alalá viaxa ata A Coruña para coñecer a uns mozos pandereteiros: “os Maghúa”.
Da fermosura da cidade da Coruña fálase tanto como da xente que vive nela. Maghúa é un grupo de coruñeses moi noviños e moi amantes da súa cidade da que coñeceremos unha completa guía de supervivencia de lugares nos que un pode tomar algo cos amigos e escoitar música tradicional.
Os Maghúa teñen un repertorio de recolleita propia, de feito, investigaron e recolleron cantos e ritmos populares de pandeireta por moitas partes de Galicia. Na intimidade montan cada festa que xa veredes. Gústalles o mar e aproveitano co deporte, case todos son deportistas, de feito cada un fai cousas moi diferentes, dende halterofilia ata billarda pasando pola pesca ou as traíñas... Estes mozos dominan A Coruña e “o coruño”, a pandeira e o pandeiro, a foliada e o serán e cantando, bailando e repenicando, estes rapaces do xénero pandereteiro masculino musical síntense como peixes na “augha” e como peixes nunha Maghúa.