CRTVG

Buscar

Alalá

Lizgairo

26/02/2008 22:05 h

Os protagonistas deste Alalá son tres dos talentos máis importantes da música galega desde os anos setenta ata hoxe. Trátase de Rodrigo Romaní, Anxo Pintos e Xosé Liz de Cea, tres nomes, tres artistas, tres figuras de distintas xeracións, que pertenceron e pertencen a distintas formacións.

Hoxe queremos facer unha viaxe pola música galega dos últimos trinta anos e remataremos no proxecto en común que une a estes tres artistas, chámase Lizgairo e teremos a oportunidade de velos e escoitalos nun pequeno concerto.

Ademais falaremos con Rodrigo Romaní dos duros momentos que atravesou a música nos anos setenta. Unha etapa na que apareceron os primeiros cantautores comprometidos coa canción galega. Rodrigo Romaní coñeceu a Antón Seoane e xuntos interesáronse pola música medieval e os instrumentos antigos, antes de comezar unha etapa de esplendor cunha formación coma Milladoiro que exportou o feito aquí. Este grupo foi o referente para a seguinte xeración de músicos e tras vinte e dous anos, Rodrigo Romaní emprende o camiño en solitario.

Nos anos oitenta a música tradicional comeza a rexurdir e valorarse. Anxo Pintos leva aos escenarios a estética do momento co grupo Matto Congrio e demostran ata onde podía chegar o folk, que tiña un forte competidor co pop e o rock. Anos despois crea un dos grupos máis representativos de folk galego: Berrogüetto.

Na década dos noventa continúa a consolidación da música galega e chegan as asociacións culturais e as leccións maxistrais de mestres gaiteiros. Nese ambiente formouse Xosé Liz de Cea, representante dunha nova xeración de músicos e na actualidade compoñente do grupo Ardentía.

Hoxe en día, estas tres grandes figuras coinciden no Conservatorio de Música Tradicional de Vigo. As diferentes idades, orixes e traxectorias musicais marcan Lizgairo, a posta en común destes xeniais músicos galegos que están a piques de publicar o seu primeiro traballo discográfico.

Atopar capítulo por: