Larpeiros
Larpeiros. Cap. 97: Escarapote con ervellas
Os lambóns máis simpáticos da Galega volven esta noite á mesa da cociña, da conversa, das cancións e do humor, para prepararnos un día redondo, en que o cociñeiro Benigno Campos e a súa axudante Lola Vilela elaborarán un saboroso guiso de escarapote con ervellas; de sobremesa a copa dos “tres galegos”, e unha sorpresa con requeixo do Eume, mel do país, melindres e uns bonitos amorodos.
Pero antes de chegar a tan ricos manxares, o xornalista de investigación Tomás Alonso desprazarase ata a festa de San Bieito, en Gondomar (Pontevedra), onde agarda por el a súa amiga María, no seu posto de rosquillas, que pertence a unha familia de grandes rosquilleiros. Será ela quen lle aprenda este oficio a Tomás namentres vemos como se elaboran todos estes produtos na fábrica de rosquillas de Silleda.
Unha vez coñecida a teoría sobre o mundo das rosquillas e dos melindres, Tomás deberá ir cara ao mercado de Teis, en Vigo, para facerse cunhas verduras e uns escarapotes no posto de Roberto, para volver logo á casa onde se cociña todo.