Larpeiros
Larpeiros (03/10/2012)
Os “Larpeiros” da TVG discuten animadamente sobre cando saen mellor de prezo as grandes estrelas do mar como as robalizas, os percebes ou os rodaballos. Don Benigno pon paz cunha solución moi acertada, que será facer un prato de festa con tesouros do mar que non saen demasiado caros: unha pescada rechea de mexillóns. Aproveitando os mexillóns, Merchi, que está en todo, proporá facer unhas croquetas con eles.
Para que todo chegue a bo porto, o reporteiro Tomás Alonso irá ata unha das bateas da ría de Vigo, onde Alberto lle axudará a entender como se crían uns dos mellores mexillóns do mundo. Para completar a misión, irá ata o mercado de Teis, onde Roberto lle venderá unha pescada do pincho fresquísima e uns mexillóns como mandan os libros. Con todos estes preparativos, seguro que a pescada, os mexillóns e as croquetas darán moito que falar esta noite.